Monday 13 de May de 2024

O concello inicia o procedemento de selección de dez traballores para prestar servizos de interese xeral


As bases que rexerán os procedementos selectivos publícanse hoxe no BOP.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases que rexerán os procedementos de selección de dez persoas para prestar servizos de interese xeral para a cidadanía larachesa.

A través do programa PEL-Concellos, en colaboración coa Deputación da Coruña o Concello formará unha cuadrilla de obras e servizos municipais composta por sete efectivos (catro peóns, un capataz e dous traballadores para servizos xerais) por un período de cinco meses.

Entre as súas funcións estarán a realización de traballos para a instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, mantemento de espazos públicos, conservación medioambiental, limpeza viaria e apoio loxístico aos servizos municipais.

A convocatoria vai dirixida a persoas que se atopen en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego e que estean incluídas nalgunha situación de exclusión laboral.

A selección será polo sistema de concurso-oposición, valorándose a experiencia profesional e a formación de cada candidato, que ademais deberán realizar unha proba práctica.
Aquelas persoas que desexen formar parte do proceso selectivo deben presentar a súa instancia polos rexistros oficiais. O prazo de cinco días hábiles rematará o 8 de maio.

En canto ao programa Aprol Rural -convocado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia-, o Concello formará unha cuadrilla de tres efectivos para prestar servizos de mantemento e valorización de zonas verdes e que estará operativa por un período de nove meses.
Neste caso só poderán participar no proceso selectivo candidatos precitados polo Servizo Público de Emprego de Galicia.